Heading hidden

Somos unha familia relixiosa nacida do corazón de San Juan Bosco e da fidelidade creativa de Santa María Mazzarello. Don Bosco elixiu este nome porque nos quixo como un monumento vivo de agradecemento á Virxe.

En Turín a opción de fundar unha institución a favor das mozas veulle a Don Bosco pola instancia de varias persoas; pola constatación do estado de abandono e pobreza no que se atopaban moitas mozas; polo contacto con varios institutos femininos; pola profundidade da súa devoción mariana; pola confirmación do Papa Pío IX que lle animou cara a este camiño; por repetidos “soños” e feitos extraordinarios narrados por el mesmo.

Contemporaneamente en Mornese, nos outeiros do Monferrato, a moza María D. Mazzarello animaba un grupo de mulleres novas que se dedicaban ás raparigas do pobo, coa finalidade de ensinarlles un oficio, pero sobre todo co compromiso de orientalas á vida cristiá.

A distancia, dous sinais na mesma lonxitude de onda mandaban unha mensaxe idéntica; tiña que nacer tamén, para as nenas e as mozas, o ambiente educativo que xa estaba en Turín-Valdocco, para os raparigos, por obra de Don Bosco. María D. Mazzarello foi cofundadora ao dar vida, forma e desenvolvemento á nova institución.

A ti confíochas

O 5 de agosto de 1872 o primeiro grupo de mulleres novas pronunciaron o seu “si” como a Virxe María para ser “axuda” sobre todo entre as mozas.

A primeira comunidade de salesianas inicia a súa vida e a súa misión entre as mozas no Colexio de Mornese. María Mazzarello convértese na superiora do novo instituto. A pesar das dificultades do inicio: contrariedades no pobo, falta de recursos e de formación; o ambiente de vida que se crea no colexio fai medrar rapidamente o número de mozas, de educadoras e de salesianas. Pronto se abren novas comunidades tamén fóra de Italia e en 1875 marcha a primeira expedición misioneira para abrir a primeira casa en Uruguai. En 1879, a comunidade do colexio trasládase a Nizza Monferrato onde hai máis posibilidades que en Mornese.

Son anos de crecemento e expansión, nos que a través de diferentes propostas educativas vaise facendo realidade a primeira intuición de Nai Mazzarello: "A ti confíochas".

E así, o Instituto das Fillas de María Auxiliadora (Salesianas) foi medrando até os nosos días. Un proxecto de educación para os mozos, especialmente aqueles que teñen maior necesidade, presente e vivo en todo o mundo, facendo realidade o soño de Don Bosco e María Mazzarello.

Logo FMA