Heading hidden

María Mazzarello

María D. Mazzarello naceu o 9 de maio de 1837 en Mornese (norte de Italia). Era unha moza alegre, sinxela, amable e forte á vez, entusiasta e moi traballadora. Ademais de axudar á súa nai nas tarefas da casa e a coidar dos seus irmáns (era a maior de 9), traballaba co seu pai na viña e tiña tempo para axudar a outras familias do pobo, ser catequista da súa parroquia e facer grupos festivos coas nenas e mozas do seu pobo. Abriuse á fe acompañada polos seus pais e polo seu sabio director espiritual Don Domingo Pestarino.

Con 15 anos inscribiuse na Asociación das Fillas de Mª Inmaculada e abriuse ao apostolado das mozas do pobo. A grave enfermidade do tifus contraída aos 23 anos tivo nela unha forte resonancia espiritual: a experiencia da fraxilidade física, que por unha banda levouna a un abandono máis profundo en Deus, e por outra, impulsouna a abrir un taller de costura para ensinar ás raparigas o traballo, a oración e o amor a Deus. María, aínda convalecente da enfermidade, tivo a visión dun colexio con numerosas nenas e mozas e oíu unha voz que lle dicía: “A ti confíochas”. Foi María que lle encomendaba a misión.

María Mazzarello despregou a súa misión entre as mozas máis necesitadas da zona de Monferrato. Xunto con outras amigas, ensínanlles a ler, a escribir, a coser, á vez que lles proporcionan agradables e alegres recreos, e explícanlles a boa noticia do Evanxeo.

Contemporánea a Don Bosco, o seu ideal era dar posibilidades ás mozas para que puidesen ser protagonistas do seu crecemento, en tempos nos que a sociedade non facilitaba ás mozas o acceso á educación.
Grazas á intensa participación nos sacramentos e baixo a sabia e iluminadora guía de Don Pestarino fixo grandes progresos na vida espiritual. Con ocasión da visita de Don Bosco a Mornese, o 7 de outubro de 1864, dixo: "Don Bosco é un santo e eu síntoo".

O 5 de agosto de 1872, Don Bosco escolleuna para iniciar o Instituto das Fillas de Mª Auxiliadora. Como Superiora mostrouse hábil formadora e mestra de vida espiritual. Tiña o carisma da alegría serena, irradiando gozo e implicando a outras mozas no empeño de dedicarse á educación da muller.

O Instituto nacía para dar resposta ás necesidades das mozas en plena Revolución Industrial. Don Bosco quixo que fose “monumento vivo de gratitude a María Auxiliadora” de quen ao final da súa vida puido dicir: “Ela fíxoo todo”. O Instituto desenvolveuse rapidamente. Á súa morte deixou ás súas Fillas unha tradición educativa empapada de valores evanxélicos: a procura de Deus, coñecido a través dunha catequese iluminada e un amor ardente, a responsabilidade no traballo, a lealdade , a humildade, a austeridade de vida e a gozosa entrega de si.

Morreu en Nizza Monferrato o 14 de maio de 1881.
Foi beatificada o 20 de novembro de 1938 e canonizada o 24 de xuño de 1951.
Os seus restos venéranse na Basílica de Mª Auxiliadora en Turín.
A súa festa celébrase o 13 de maio.

Maria Mazzarello sign